Tuesday 14 de May de 2024

O presidente da Xunta de Galicia doa sangue e convida á cidadanía a colaborar nas campañas de doazón do Centro de Transfusión


A nosa Comunidade acadou, con máis de 114.000 doazóns no 2013, o terceiro posto nacional en taxa de doazón, superando en cinco puntos a media estatal

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, doou sangue nas instalacións do Centro de Transfusión de Galicia (CTG), emprazadas no compostelán Monte da Condesa, nunha visita na que estivo acompañado pola conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, e a directora CTG, María Inmaculada Rodríguez Calvo.

A Xunta de Galicia destaca o solidario labor de miles de galegos e galegas que, co solidario xesto da doazón, contribúen a manter o intenso labor asistencial dos nosos centros sanitarios. Así, compre lembrar, as máis de 114.000 doazóns de sangue recollidas no pasado ano e que situaron á nosa Comunidade como a terceira en taxa de doazón de España, superando en cinco puntos a media de participación estatal.

Revitalizar a participación
Así mesmo, a Xunta de Galicia convida á cidadanía a tomar parte activa das campañas de doazón de sangue, posto que, diariamente, os nosos hospitais precisan en torno a 500 doazóns para levar a cabo unha media de 500 intervencións cirúrxicas, atender unhas 3.000 urxencias e realizar tres transplantes de órganos e tecidos.

A necesidade de reforzar o chamamento á participación dos cidadáns cobra unha vital importancia nesta recta final do ano, xa que no mes de decembro rexístrase, tradicionalmente, un aumento das necesidades de compoñentes sanguíneos por mor das urxencias derivadas dos accidentes de tráfico, coincidindo con datas festivas ou vacacionais. Neste sentido, é necesario destacar a sinxeleza da doazón de sangue posto que, para doar sangue, tan só é preciso ter máis de 18 anos, pesar máis de 50 quilos e non padecer nin ter padecido enfermidades transmisibles polo sangue.

Doazón de medula ósea
A Consellería de Sanidade lembra, tamén, á cidadanía da nosa Comunidade Autónoma a importancia da doazón de medula ósea. A tal efecto, o Servizo Galego de Saúde e a Fundación Josep Carreras teñen a disposición das galegas e galegos unha páxina web http://galicia.medulaosea.org que facilita os trámites de rexistro aos potenciais doadores. Neste enderezo electrónico poden eles mesmos apuntarse. Unha vez que se anoten serán chamados para a correspondente entrevista por parte dos profesionais sanitarios.

Poden ser doadores de medula ósea, persoas de 18 a 55 anos que non padezan ningunha enfermidade que poida ser transmitida ou por en perigo a súa vida polo feito da doazón.